quarta-feira, 7 de maio de 2008

III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres - Bueu 2008


A DESIGUALDADE DAS MULLERES NO DEPORTE

O deporte é un ámbito onde a muller a penas tivo cabida ao longo da súa historia. Os estereotipos adxudicados á muller de dozura, docilidade, fraxilidade, e aos homes como seres fortes, bruscos, dinámicos… seguen dalgún xeito estando vixentes e son a base de que, durante moitos anos a actividade deportiva das mulleres teña estado limitada e minusvalorada

O exercicio físico e o deporte son actividades humanas estreitamente relacionadas coa saúde, a adaptación ao medio, o desenvolvemento corporal, os aspectos lúdicos, a comunicación e o control do propio corpo. Unha sociedade na que se respecten os dereitos de todas as persoas e se promovan as acciones necesarias para avanzar na igualdade de oportunidades non pode aceptar a actividade deportiva como un espazo exclusivamente masculino.

Porén, a presenza das mulleres no mundo do deporte é, na actualidade, un feito innegábel, trátase máis que dun problema de participación, de consideración social e de verdadeira igualdade de oportunidades para chegar ás esferas máis altas do deporte.

No deporte do remo, como noutras especialidades deportivas podemos ver a desigualdade entre homes e mulleres:
  • Menor número de mulleres remeiras
  • A presenza de mulleres na dirección, organización e xestión é practicamente nula.
  • Os postos de responsabilidade dentro da federación están desempeñados por homes.
  • As modalidades femininas son menos difundidas nos medios de comunicación.
  • A “non consideración” dos deportes femininos como profesionais.
Esta desigualdade resultaba evidente nas categorías femininas de banco fixo : Falla de recoñecemento oficial dalgunhas categorías femininas, distintos campionatos, distintos premios, etc....

Coa loita das propias remeiras e dalgúns dirixentes e clubs de remo e co apoio da Marcha Mundial das Mulleres, do Servizo Galego de Igualdade e da Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia temos conseguido o recoñecemento oficial das categorías femininas de bateis, traiñeiriñas e traiñeiras a nivel estatal e a realización dos campionatos galegos de bateis e traiñeiriñas, no que as mulleres poden participar en pé de igualdade.

... Cómpre, pois seguir estimulando participación das mulleres
  • Levar a cabo accións de sensibilización dirixidas á comunidade educativa, así como a profesionais do deporte, co fin de promover unha elección non sexista das actividades deportivas.
  • Sensibilizar ás persoas responsables das federacións deportivas sobre a importancia do seu papel na promoción das actividades deportivas realizadas por mulleres.
  • Establecer como criterio prioritario na adxudicación de subvencións a creación e a promoción de equipos de mulleres e de actividades deportivas, cunha participación equilibrada de mulleres e homes.
  • Fomentar a incorporación das mulleres a aqueles ámbitos da práctica deportiva na que están infrarrepresentadas
  • Analizar as causas que orixinan o abandono da práctica deportiva por parte das rapazas na etapa da adolescencia, utilizando os resultados desa análise para anima-las rapazas a que continúen coa práctica deportiva.
  • Instar aos organismos competentes para que se aumente na programación estable dos medios de comunicación públicos o número de retransmisións de deportes con participación feminina.
MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
Galiza - Bueu , 11 de Maio de 2008
_______________________

Nenhum comentário: