segunda-feira, 17 de dezembro de 2007
Palabras de Loreto Primo na concentración polo asesinato de Mariluz Posse
Jaime Máiz Sanmartín, de 34 anos de idade, garda civil, natural de Ferrol.
Hoxe queríamos comenzar cun nome como case sempre nestas concentracións. Pero esta vez como vedes é diferente, non é o nome dun presunto asasiño, é o nome do asasiño dunha muller que tamén tiña un nome: Mariluz Posse.
Sempre escoitamos os nomes das mulleres asasiñadas, xa vai sendo hora de escoitar o nome dos asasiños.
Por qué morreu Mari Luz Posse? Polo mesmo que morreron outras 5 mulleres na Galiza e 70 no resto do Estado.
As estatísticas engrósanse con cifras de mulleres maltratadas e asasiñadas que o único que querían era facerse escoitar, que querían escapar dunha situación insostible e que denunciaron.Todo esto sucede e seguirá sucedendo, mentres a sociedade da que todas e todos formamos parte o consintamos.Mentres una parte desta sociedade xustifiquemos, disculpemos o simplemente ignoremos o que está a pasar ó noso arredor tódolos días, seguirá pasando.Mentres non sexamos quen de denunciar e de sinalar ós maltratadores e asasiños de mulleres.Mentres algúns homes sigan pensando que as suas compañeiras son da sua propiedade e non lles demostremos que están completamente errados.Mentres os maltratadores e asasiños se sigan acubillando e pensando que son impunes no seo familiar, e os que o vemos dende fora non o denunciemos.Mentres non sexamos capaces de facer mudar esta sociedade todavía no século XXI extremadamente machista en tódolos seus eidos, non rematarán estas cifras terribles.
Non nos podemos conformar con que os políticos fagan leis, leis sempre benvidas, e por desgracia sempre con medios insuficientes para facelas cumplir.Non nos podemos conformar con que nas escolas intenten ensinar ós nosos nenos e nenas en igualdade. Ainda sendo esto básico, se non o ven reflexado no seu arredor, non servirá.Estámonos a facer un fraco favor se pensamos que esto non se pode cambiar. Si que podemos, podemos rematar coa violencia machista cada quen dende a sua responsabilidade.
É por todo isto que vos convocamos hoxe aquí a Marcha Mundial das Mulleres.
-porque queremos mudar unha situación insostible para nós
-porque queremos por fin, ser nós mesmas
-porque queremos que se nos vexa e se nos escoite
A pesares do loito e do moi triste que o é o día de hoxe, tamén queremos que sexa un dia con esperanza. Conseguiremos entre todas mudar esta situación, porque é os noso dereito a existir como mulleres, porque é a nosa propia vida a que está en xogo.Porque nós, non non resignaremos, porque nós, non nos renderemos. Porque estaremos aquí xuntas para revelarnos cada vez que haxa que facelo. Porque estar aquí forma parte da nosa responsabilidade.
Non o dubidedes nin por un segundo que esta é unha loita gañada.Grazas a todas e todos por estar aquí neste dia tan triste.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário