8 de Marzo, unha verdadeira xornada de reflexión.
Marga do Val[*]
Sábado, 8 de Marzo de 2008
A Delegación do Goberno obriga a que se suspendan as manifestacións do 8 de Marzo, Día da Muller, a razón é que o día 8 de marzo é xornada de reflexión e as manifestacións son actos políticos. Se por unha banda podemos mostrar a tristeza, o día da muller traballadora pode ficar na sombra e non se escoitarán polas rúas lemas e berros necesarios:
“A igual traballo, igual salario”
“Aborto gratuíto e libre na seguridade social”.
De todas as consignas a miña preferida é: “Somos malas podemos ser peores”.
Somos malas por loitar co traballo e coa palabra pola defensa dos dereitos das persoas. Malas que reivindicamos o dereito ao voto, nun momento no que podiamos ser elixidas sen elixir. Nun momento, moitas de nós sabiamos que ese voto lle ía dar o poder á dereita e á igrexa, a unha moral que nos convertía en escravas, que nos facía ascender de fillas a mulleres de, sempre baixo un amo. Falo das sociedades occidentais. Por iso houbo mulleres de esquerdas e comprometidas socialmente, que reivindicaban tamén os dereitos da muller, que estaban en contra do dereito ao voto das propias mulleres. Todas as mulleres, as que defendían o dereito ao voto e as que non, sabían que a liberdade da muller só se pode conseguir coa independencia económica e coa formación cultural. Iso era así e segue sendo así. A loita feminista vai conseguindo os seus dereitos de vagar sen utilizar a guerra como medio, mais morrendo nunha guerra na que é vítima inocente. Cantas mortes acontecen pola violencia de xénero! Cantas serán aínda necesarias para que a sociedade sexa consciente de que esta é unha loita social, non se pode mirar para outro lado, non se poden tapar os oídos. Cantas vítimas, heroínas, que nunca o quixeron ser, terán que morrer por reivindicar a súa liberdade? Cantas máis a reivindicarían se tivesen independencia económica e formación cultural?
É triste que o 8 de marzo non se escoiten estas consignas polas rúas, mais o feito de que as manifestacións do Día da Muller se prohiban é unha proba de que estas reivindicacións son políticas. É unha proba de que o tema da muller, a súa independencia e a súa formación cultural tamén se vota o domingo, día 9 de marzo. Mentres esta fin de semana, a igrexa pode seguir coas súas homilías, que non se consideran actos políticos, as mulleres faremos festas e quizais, unha parte da sociedade lembre a todas estas vítimas, heroínas anónimas, que seguen morrendo en mans dunha sociedade na que segue mandando o poder patriarcal. E tamén a igrexa que condena á muller ao papel de nai, monxa, estéril ou solteira abnegada, por moito que esta ideoloxía nos pareza obsoleta como a monarquía.
O día 9 de marzo votemos como galegas, europeas e mulleres. Votemos para que todas as mulleres consigan a súa liberdade, a independencia económica e a formación cultural.
Enlace co artigo Orixinal
[*] Marga do Val é Licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego- Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas. Exerceu a docencia como Lectora de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Tréveris (1995-2000) e impartiu aulas na Universidade de Colonia. É Vicepresidenta da Asociación Galego Alemana. Como crítica literaria e articulista colabora en diferentes medios de prensa: GRIAL, A Festa da Palabra Silenciada, Galicien- Magazim, A Nosa Terra, etc.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Um comentário:
Os dereitos, desexos e intereses das mulleres quedaron, unha vez máis e de forma impune, en terceira fila.. As mulleres unha vez máis invisibilizadas.. Da mesma maneira que ocurre día tras día e que ocurrío nos grandes debates entre os nosos líderes políticos.. onde o tema central foi o terrorismo de ETA, condenable ata o final, pero sen máis relevancia política que o terrorismo machista que causou a morte a 94 mulleres o ano pasado, que se segue a tratar a nivel de "sucesos" cando tamén éste está sustentado nunha ideoloxía : o patriarcado machista. Os nosos patriarcas adican horas a falar do terrorismo de ETA, días de luto, mentras que o terrorismo machista que acaba coa vida de 4 mulleres nun mesmo día case non trascende da páxina de sucesos..
Postar um comentário