Manifesto do colectivo feminista Nomepisesofreghao
Moreia de Parafeministas Desgêneradas
Sempre rápida e atenta, a Igrexa (e a alcadesa valenciana Rita Barberá) adiantou a data da celebración de San Xosé, que ademáis de ser o capitalista Día do Pai tamén coincide co remate das Fallas- a nocturna e refulxente cremá- que este ano recae no mércores víspera do xoves santo, polo que obviamente non interesa mesturar ambas festas e moito menos a nivel económico. Ao tempo que os diversos poderes fácticos argallaban esta manobra, nós, ilusas, estabamos pensando en aproveitar o 8 de marzo para, entre outras cousas, solicitar o acceso ao aborto libre e gratuito e pedir melloras para a actual e paupérrima lei de prazos porque cando soubemos a data das eleccións ninguén imaxinaba o que ía a acontecer. Evidentemente este turbio asunto de acose e derribo ás clínicas que practican abortos orquestado pola dereita máis rancia xunto a súa aliada, a obsoleta Conferencia Episcopal, empurrou a que, trala efectiva axitación social provocada por diferentes colectivos feministas, os principais partidos políticos no goberno estatal se posicionaran abertamente e tiveran que mudar as súas axendas en tan só uns poucos días. Quizáis de aí proveña o medo a permitir as estipuladas e institucionalizadas, pero non por iso menos necesarias, celebracións do 8 de marzo nun momento no que as reivindicacións están máis politizadas que nunca, motivo polo cal poderían ser considerados actos partidistas nunha xornada de reflexión. Non obstante, por que non prohiben as misas cando é de tod*s sabido que fan apoloxía política de cara aos seus conservadores intereses? E mentres tanto Esperanza Aguirre ten organizada para este día unha marcha-carreira de mulleres para recaudar fondos destinados a "unha" ONG que defende o dereito á igualdade; habería que saber cal é...
Ante este desolador panorama, no que vemos recortada a liberdade de expresión ao ser ilegalizadas as manifestacións e prohibidos os actos de conmemoración do día da muller traballadora en diferentes cidades do Estado, non podemos quedarnos sen facer nada. A perplexidade e a indignación son tales que lanzamos un chamamento á desobediencia, máis alá de manifestar simplesmente a nosa absoluta repulsa por esta actitude represora e patriarcal. Esta non é senón outra mostra dos mecanismos de marxinación que operan dende o poder hexemónico -estratexia na que as deputadas, coa súa complacencia (in)conscente, contribuiron a que as mulleres volvan a ser esquecidas- xa que isto probábelmente non sucedería co 1 de maio, día do traballador. E se as mulleres non contamos, ou só para dar as cifras das mortas por violencia machista, as migrantes sen papeis menos aínda xa que hai uns días unha muller colombiana foi detida en Pontevedra por acudir a denunciar malos tratos. Vaia, pois como está o patio como para andar desconvocando ás mulleres.
Por todo isto, despois de entregar as autoinculpacións polo aborto nos Xulgados no acto organizado pola Marcha Mundial das Mulleres, promovemos unha convocatoria de concentración ante a Delegación do Goberno da Coruña para reivindicar o dereito a manifestarnos durante 8 de marzo; porque non nos van facer calar!
Actos no 8 de Marzo de 2008
C.S.A. Atreu! rúa San Xosé, 2
- 18:00h C.S.A. Atreu! rúa San Xosé, 2, Queeruhna/A Coruña: confección dun mural xunto as compañeiras do colectivo feminista Nomepisesofreghao co gallo do día da muller
- 21:00h C.S.A. Atreu! rúa San Xosé, 2, Queerunha/A Coruña: ceador vegano a cultura_pre_o(K)upa (produce A CÚPULA)
- 21:30h C.S.A. Atreu! FESTA DAS MULLERES. Djanes e Vjanes
M.P.D.
http://nomepisesofreghao.blogaliza.org
____________
Nenhum comentário:
Postar um comentário